Santa Cruz mellora a seguridade viaria nun dos seus puntos máis concorridos cun novo cruce

O cruzamento entre as rúas Viñas de Babilonia e Dolores Ibárruri, en Santa Cruz (Oleiros), vén de estrear un novo deseño que busca calmar o tráfico a motor e priorizar a seguridade das persoas que camiñan. Trátase dunha actuación impulsada polo Concello que transforma un dos puntos con máis tránsito peonil da vila nun espazo máis amable, accesible e seguro.
A intervención céntrase na elevación da calzada á altura das beirarrúas, un sistema que, segundo destacan desde o goberno local, “é o máis seguro fronte á velocidade excesiva dalgúns condutores que non respectan o límite de 30 km/h”. Esta medida obriga os vehículos a reducir a marcha e permite atravesar a rúa sen desniveis, facilitando o paso a persoas con mobilidade reducida.
A beirarrúa tamén foi obxecto de melloras importantes: instaláronse parapetos nas esquinas para evitar que os coches invadan a zona peonil. Estes elementos, que combinan formigón, madeira e vexetación, contan con bancos e pequenas xardineiras, dotando o espazo dun aire máis acolledor e integrándoo no contorno urbano. Desde o Concello defenden que esta solución “ofrece un aspecto confortable para as persoas que camiñan”.
Ademais, reforzouse a iluminación da zona para garantir unha visibilidade axeitada tamén durante a noite. O aumento da intensidade lumínica no cruzamento pretende manter o mesmo nivel de seguridade tanto de día como de noite.
O axardinamento e o deseño dos novos elementos achegan esta intervención ao concepto de “salón de estar urbano”, segundo sinala o Concello, apostando por un modelo de vila pensado para o benestar e a protección das persoas que se desprazan a pé.