Santa Cruz encheuse de música para celebrar os 25 anos da Escola Municipal

Santa Cruz viviu unha auténtica festa da música coa celebración do 25º aniversario da Escola Municipal de Música de Oleiros (EMMO), unha xornada que combinou talento, emoción e participación cidadá en dous eventos destacados: un roteiro musical matinal e a representación do musical Mamma Mía pola tarde.
Ao longo da mañá, o paseo marítimo e o parque Luis Seoane convertéronse en escenarios abertos onde soaron cordas, ventos, percusións e voces, nunha proposta que encheu a vila de sons e emocións. Os concertos de pequeno formato contaron coa participación de máis de cen músicos da EMMO, organizados por agrupacións de música de cámara, canto lírico, música tradicional, coros, saxos, clarinetes, flautas, combos modernos e ata un espazo específico para música infantil.
Pola tarde, a música continuou co esperado regreso do musical *Mamma Mía*, que xa fora un éxito a pasada semana na Lagoa de Mera. Máis de 200 artistas subiron ao escenario para render homenaxe a ABBA a través desta montaxe, que contou coa participación da Escola Municipal de Danza e do coro Tremenda Tremolina, baixo a dirección xeral de Malu Balado.
O espectáculo foi posible grazas ao traballo conxunto de todo o profesorado implicado. Rodrigo Rodríguez encargouse da dirección e adaptación musical; Nilo García dirixiu a orquestra sinfónica; Coco Pereira estivo á fronte de Tremenda Tremolina; e Lara Fenoll coordinou a participación da Escola Municipal de Danza. Xunto a eles, tamén contribuíron os docentes Marina Gundín, Mónica Pérez, Álex Carral e Jorge Galán.
“Un importante éxito colectivo do que forman parte o conxunto do profesorado das escolas”, destacaron desde a organización, poñendo en valor unha celebración que conseguiu combinar arte, ensino e comunidade para conmemorar os 25 anos dun proxecto que segue a medrar con forza en Oleiros.