Santa Cristina gaña espazo para peóns e zonas verdes tras unha reforma de 1,7 millóns da Deputación

ACoruñaXa
A renovación integral da avenida mellora a mobilidade sostible, a calidade urbana e a estética da travesía, mantendo prazas de aparcamento e soterrando as liñas eléctricas e de telecomunicacións
OLEIROS reformas deputación
11 Sep 2025

A Deputación da Coruña inaugurou a remodelación integral da avenida de Santa Cristina, en Oleiros, cun investimento de 1,7 millóns de euros. O proxecto supón unha das maiores actuacións acometidas pola institución provincial en materia de estradas, e responde a unha antiga demanda veciñal de modernizar esta travesía, que soporta unha alta intensidade de tráfico e é un dos puntos máis emblemáticos do municipio.

O acto de apertura contou coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; e a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez.

Formoso destacou que a obra 'era moi necesaria', pois Santa Cristina 'é un lugar de referencia en toda a provincia, tanto para o paseo como para o encontro da veciñanza'. O presidente provincial explicou que a intervención non só mellorou a estética, senón tamén a seguridade viaria e a calidade de vida: 'Traballamos para crear unha avenida máis accesible, con beirarrúas amplas, espazos verdes e elementos que fomentan unha mobilidade máis sostible'. Tamén puxo en valor os traballos menos visibles, como a substitución das antigas tubaxes de fibrocemento e o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. 'Son 1,7 millóns de euros moi ben investidos para goce de toda a provincia, e moi especialmente da veciñanza de Oleiros', recalcou.

Pola súa parte, García Seoane agradeceu á Deputación a colaboración e recoñeceu que 'levaban moitos anos esperando' para levar a cabo esta mellora. O rexedor subliñou que a actuación xa ten un impacto positivo, pois 'a avenida gañou en todos os sentidos', algo que se reflicte tamén no interese por parte de novos negocios que queren instalarse na zona. 'Os veciños están encantados, e isto é un exemplo de como a cooperación institucional permite transformar un espazo clave do municipio', sinalou.

As obras reordenaron por completo esta importante arteria, humanizando o espazo e adaptándoo ás necesidades actuais. Construíronse beirarrúas máis amplas, zonas axardinadas e puntos de encontro para a convivencia. Instálaseu novo mobiliario urbano, mellorouse a estética da travesía e renovouse a iluminación pública con tecnoloxía LED, máis eficiente e sostible.

A intervención conservou as prazas de aparcamento debido á elevada demanda de estacionamento na contorna, pero cun deseño máis accesible e integrado coa vexetación existente. Ademais, reduciuse a mediana central para gañar máis espazo para os peóns e mellorar a mobilidade transversal.

Un dos cambios máis salientables foi a retirada do cableado aéreo e a instalación soterrada das liñas eléctricas e de telecomunicacións, o que contribúe a unha imaxe máis limpa e ordenada da avenida.

Con esta actuación, Santa Cristina convértese nun referente de transformación urbana, apostando pola seguridade, a sustentabilidade e a mellora do espazo público.

⚙ Configurar cookies
0.14457607269287