Sanidade dá por rematada a onda estacional da gripe

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
No que vai de tempada, notificáronse 3.476 ingresos por gripe, a maioría deles, 3.058, con virus do tipo A
vacina-intranasal-gripe-nenos
27 Apr 2025

A Consellería de Sanidade considera superada a onda estacional de gripe, á vista do descenso sostido de indicadores nas últimas semanas, considerando improbable que se volva superar o nivel basal de intensidade nas vindeiras datas. Con todo, a situación seguirá monitorizándose durante a tempada de virus respiratorios por se se puidesen producir cambios relevantes.

A través da Dirección Xeral de Saúde Pública, a Consellería de Sanidade publica na súa páxina web o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 16 do ano (rematada o 20 deste mes), que determina que a intensidade da gripe en Galicia mantén unha intensidade basal e a tendencia decrecente.

Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe en atención primaria diminuíu un 58,8 % con respecto á semana anterior e fica en 8,6 por 100.000 habitantes, polo que a intensidade da actividade gripal consolida o seu nivel basal. O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade.

A rede de farmacias sentinela, que nesta campaña están a colaborar coa Consellería de Sanidade, reflicte que a taxa de dispensación de probas de antíxenos descendeu na semana 16 un 30,4 %, mentres que a de antigripais aumentou lixeiramente, aínda que se mantén en niveis inferiores aos do resto da tempada.

En canto ás taxas de hospitalización, na semana 16 do ano ingresaron 69 persoas con gripe confirmada, un 33 % menos que na semana anterior (103). A taxa de ingresos no conxunto da poboación descendeu ata 2,6 por 100.000 habitantes, chegando a taxas de 0 nos grupos de 0-4 e 5-19 anos. Así mesmo, a taxa descendeu en todas as áreas sanitarias.

No que vai de tempada, notificáronse 3.476 ingresos por gripe, a maioría deles, 3.058, con virus do tipo A.

Con respecto á positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 6,6 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior (9,1 %). A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 0,1 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 6,7 %, inferior á da semana anterior (9,4 %).

O informe tamén indica que, nesta semana, ingresaron 9 persoas con covid confirmada, un 40 % menos que na semana previa (15 ingresos). A taxa de ingresos no conxunto da poboación descendeu ata 0,3 por 100.000 habitantes.

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que nas vindeiras dúas semanas a taxa de consultas por gripe descenda de 8,6 por 100.000 habitantes a 5,8 e 4,4 nas semanas 17 e 18.

A evolución da actividade gripal mostra unha tendencia decrecente en todos os indicadores relevantes.

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

⚙ Configurar cookies
0.18654608726501