San Vicente celebrará as festas o 24 e 25 de xaneiro en Vilasantar con vermú musical e xantar popular

A parroquia de San Vicente, no concello de Vilasantar, xa ten datas para as festas de 2026. A comisión organizadora anuncia unha fin de semana de celebración os días 24 e 25 de xaneiro, cun programa que combina actos relixiosos, música en directo e xuntanza veciñal arredor dun xantar popular.
Os festexos arrancarán o sábado 24 coa sesión vermú ás 13.00 h, amenizada polo Dúo Miami. A continuación, ás 14.30 h, celebrarase o xantar, cun prezo de 28 euros (gratuito para menores de 10 anos). O menú inclúe empanada, callos, carne asada, sobremesa, café, chupito, viño e refrescos. As persoas interesadas poden anotarse na Taberna Martis ou a través dos membros da comisión.
A programación continuará o domingo 25 coa misa na honra a San Vicente ás 13.00 h. Despois haberá sesión vermú e fin de festa novamente co Dúo Miami. A organización tamén anuncia bochinche a cargo da comisión.