San Pedro de Visma prepárase para acoller a XVI Baixada Popular con preto de 2.400 inscricións

ACoruñaXa
O percorrido, dunha distancia aproximada de 6,5 quilómetros, discorrerá por tramos de asfalto e terra
corunha-corre-visma
10 May 2025

O barrio coruñés de San Pedro de Visma vive xa a conta atrás para celebrar a XVI edición da súa tradicional Baixada Popular, que terá lugar este domingo 11 de maio. A cita deportiva contará cunha elevada participación, con preto de 2.400 persoas inscritas tras o peche do prazo o pasado fin de semana.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, detallou que a saída da carreira estará situada no cruzamento entre as rúas San Pedro de Visma e Aguillón, moi preto do centro cívico do barrio. A categoría absoluta será a encargada de abrir a xornada ás 10.00 horas, mentres que as carreiras das categorías inferiores comezarán a partir das 11.15 horas, en quendas cada quince minutos.

O percorrido, dunha distancia aproximada de 6,5 quilómetros, discorrerá por tramos de asfalto e terra, pasando por espazos emblemáticos como as sendas do parque de Bens e a estrada que conecta Visma co núcleo de Mazaído. As persoas participantes poden consultar os trazados específicos para cada categoría a través da web oficial.

Como vén sendo habitual, as persoas rexistradas no circuíto Coruña Corre deberán confirmar a súa participación na web, un trámite que facilita a organización e permite unha mellor xestión dos servizos dispoñibles.

Ademais, o domingo habilitaranse servizos adicionais para as persoas corredoras: haberá duchas no pavillón polideportivo de Labañou entre as 10.30 e as 13.00 horas, e tamén estará dispoñible un gardarroupa no Centro Cívico municipal de San Pedro de Visma desde as 9.30 até as 11.15 horas.

⚙ Configurar cookies
0.168301820755