Sada súmase á Ruta N-VI para impulsar un turismo sostible e de calidade

ACoruñaXa
Un proxecto turístico que percorre máis de 600 quilómetros entre A Coruña e Madrid pola histórica estrada nacional
sada-ruta-n-vi
29 Jun 2025

O Concello de Sada incorporouse á Ruta N-VI, un proxecto turístico que percorre máis de 600 quilómetros entre A Coruña e Madrid pola histórica estrada nacional, promovendo un turismo de calidade e sostible. Deste xeito, a vila convértese nun dos puntos oficiais para selar o Pasaporte desta ruta, unha ferramenta que permite aos visitantes vivir unha experiencia completa e buscar propostas auténticas que combinan valores culturais, patrimoniais e ambientais.

Desde o departamento de Promoción Económica e Turismo de Sada traballaron para sumar o concello a este itinerario, “situando a nosa vila como referente dun turismo diferente, sostíbel e de calidade, que aposta pola economía local e o respecto ao territorio”. A través da web da Ruta N-VI, os usuarios poden acceder a información detallada sobre os destinos, así como propostas culturais, gastronómicas e de ocio.

Con esta iniciativa, Sada “dá un paso máis no seu compromiso cun modelo turístico que coida o medio, dinamiza a economía local e promove o noso patrimonio cultural e natural desde unha perspectiva sostible e responsable”.

Ademais, a Ruta N-VI inclúe o Pasaporte Verde, unha proposta para compensar a pegada de carbono mediante a colaboración con proxectos ambientais, como os da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

⚙ Configurar cookies
0.19693517684937