Sada somete a pleno unha modificación de crédito de máis dun millón de euros para reforzar servizos

ACoruñaXa
Busca dar resposta a necesidades urxentes da veciñanza e mellorar servizos públicos clave
Edificio do Concello de Sada
24 Jun 2025

O Concello de Sada celebrará un pleno ordinario no que se someterá a votación unha proposta de modificación de crédito por importe de algo máis dun millón de euros. Esta partida, financiada con cargo ao remanente de tesourería municipal, busca dar resposta a necesidades urxentes da veciñanza e mellorar servizos públicos clave.

O alcalde, Benito Portela, destacou que a proposta responde á vontade do Goberno local de “actuar con responsabilidade e axilidade para dar resposta a necesidades reais e inmediatas da veciñanza, priorizando os servizos públicos esenciais, a atención social e a mellora continua das instalacións municipais”.

Entre as actuacións previstas, destaca o reforzo das políticas sociais, cunha achega de 59.000 euros destinada a cubrir situacións de emerxencia, apoiando ás persoas e familias máis vulnerables. Así mesmo, reservaranse 56.000 euros para asumir os custos derivados da nova licitación do servizo de xestión da Escola Infantil e acometer melloras nas súas instalacións, como a renovación do pavimento nalgunhas aulas.

No ámbito das infraestruturas básicas, o Concello prevé destinar máis de 50.000 euros a actuacións na rede de saneamento e pluviais, incluíndo reparacións no camiño de Cirro a Soutiño e melloras en sistemas de bombeo. Tamén se investirán 25.000 euros na instalación dun sistema autónomo de enerxía solar para optimizar o funcionamento das cámaras de control de tráfico.

O deporte será outro dos eixes principais desta modificación: máis de medio millón de euros servirán para renovar o campo de fútbol Andrés Pena-As Mariñas, mentres que se destinan máis de 39.000 euros a melloras na piscina municipal e outras actuacións no campo de fútbol de Carnoedo.

En canto ao patrimonio e cultura, o Concello reserva preto de 27.000 euros para contratar os proxectos e estudos previos que permitirán avanzar na rehabilitación e mantemento da Capela de San Roque. Esta modificación de crédito será decisiva para seguir avanzando na prestación de servizos públicos de calidade e na mellora das condicións de vida da veciñanza sadense.

⚙ Configurar cookies
0.17704701423645