Sada saca a concurso por 500.000 euros a primeira fase da reforma do campo de fútbol As Mariñas - Andrés Pena

ACoruñaXa
O proxecto arrinca coa substitución completa do céspede artificial do campo principal e a creación dunha nova zona de quecemento, ademais de melloras en drenaxe, rego e equipamento deportivo
SADA campo futbol
10 Jan 2026

O Concello de Sada vén de sacar a concurso por 500.000 euros a Fase 1 da reforma integral do Campo de Fútbol As Mariñas - Andrés Pena, unha intervención que o goberno municipal considera prioritaria para modernizar a instalación e garantir un uso máis seguro, funcional e adaptado ás necesidades actuais.

Segundo a información municipal, as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata finais de mes e, unha vez adxudicadas as obras, o prazo estimado de execución será de dous meses desde o inicio dos traballos. O consistorio lembra que este investimento se suma ao destinado nos últimos anos ao mantemento do recinto, co obxectivo de manter operativa unha infraestrutura deportiva de uso intensivo por clubs, escolas deportivas e veciñanza.

Esta primeira fase forma parte dun proxecto máis amplo e recolle as actuacións consideradas máis urxentes. A principal será a renovación total do céspede artificial do campo principal, substituíndo o sistema sintético actual por un novo pavimento deportivo de altas prestacións. Ademais, crearase unha nova zona de quecemento anexa ao terreo de xogo, equipada cun pavimento técnico para o acondicionamento previo das e dos deportistas.

O proxecto inclúe tamén a ampliación da canle perimetral de drenaxe para mellorar a recollida e evacuación das augas pluviais e optimizar o funcionamento do recinto en condicións meteorolóxicas adversas. A estas actuacións súmanse a mellora do sistema de rego, a pintura e posta a punto do peche perimetral da parcela e a subministración e instalación de novo equipamento deportivo regulamentario, como bancadas, porterías e bandeirolas de córner. Tamén se incorporarán elementos auxiliares, como limpabotas, para facilitar o uso e o mantemento da superficie de xogo.

O Concello avanza que a reforma terá continuidade cunha segunda fase na que se prevé renovar e ampliar os vestiarios (incluíndo un vestiario feminino), ampliar os accesos para o público, renovar a iluminación do terreo de xogo, instalar un panel dixital e cubrir a grada.

Desde a Concellería de Deportes sinalan que a mellora desta instalación vén de atrás, con actuacións puntuais e traballos de mantemento que permitiron atender necesidades cotiás e manter o campo en funcionamento mentres se planificaba unha reforma integral e estrutural como a que agora arrinca coa licitación desta primeira fase.

⚙ Configurar cookies
0.085526943206787