Sada retoma a actividade con normalidade tras o apagamento con incidencias menores

ACoruñaXa
As instalacións municipais permanecen abertas e operativas, aínda que persiste unha incidencia coa liña telefónica
sada-apagon
29 Apr 2025

O Concello de Sada informa que, tras o restablecemento do subministro eléctrico durante a pasada madrugada, a vila vai recuperando pouco a pouco a normalidade. As instalacións municipais permanecen abertas e operativas, aínda que persiste unha incidencia coa liña telefónica, que impide o contacto directo co Concello por esta vía. A situación xa foi notificada á compañía responsable e agárdase a súa pronta solución.

Desde o Concello agradécese o comportamento exemplar da veciñanza durante as últimas horas, así como o labor da Policía Local, os Servizos de Emerxencia Municipal (SEM) e o persoal de Obras e Servizos, que estiveron atendendo as diferentes incidencias derivadas do apagón.

Afortunadamente, tal e como traslada, non se rexistraron danos persoais nin materiais de gravidade. Entre as actuacións máis destacadas das primeiras horas estiveron o rescate de veciños atrapados en ascensores e a asistencia a persoas dependentes que necesitaron axuda para acceder aos seus fogares. Tamén se interveu en seis garaxes do casco urbano nos que as bombas de achique deixaran de funcionar.

A actividade municipal mantense con relativa normalidade: continúan os programas deportivos non federados, as actividades para persoas maiores, as relacionadas coa piscina municipal e o obradoiro previsto na aula CeMIT.

En canto ao servizo de recollida de residuos, desde o Consorcio As Mariñas emitiuse onte unha orde á concesionaria Prezero para priorizar a atención en centros escolares, garderías, centros de saúde e residencias, co fin de optimizar o uso do combustible. Ao longo do día de hoxe, intentarase reforzar o servizo para garantir o funcionamento habitual.

O Concello de Sada reitera o seu compromiso coa cidadanía e pide comprensión ante calquera posible incidencia puntual que poida xurdir nas próximas horas. En caso de emerxencia, recoméndase contactar directamente co 112 para asegurar unha resposta eficaz.

⚙ Configurar cookies
0.15521907806396