Sada reserva 242.000 € para avanzar no arranxo da Avenida de Sada e Contornos

O goberno local levará ao pleno de setembro unha modificación de crédito por máis de 600.000 € para impulsar investimentos prioritarios, entre eles 242.326,95 € destinados ao acondicionamento e pavimentación da Avenida de Sada e Contornos. O movemento orzamentario prodúcese despois de que o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 da Coruña desestimase a reclamación de Construcións Cernadas e eximise ao Concello do pago de máis de 80.000 €, ao considerar deficiente a execución dos traballos realizados en 2021 e alleos ao proxecto. O executivo municipal xa iniciou o procedemento para resolver o contrato con esa empresa, paso previo para licitar o novo arranxo.
A modificación recolle ademais outras actuacións en equipamentos públicos: 50.000 € para repararen humidades en patios e cuberta da Casa do Concello; algo máis de 84.000 € para urbanizar e acondicionar o espazo exterior do Centro de Formación de Osedo, imprescindible para a súa apertura; e 172.000 € en instalacións e equipamento deportivos, co obxectivo de reforzar unha área na que Sada destaca polos éxitos da súa veciñanza. No ámbito educativo, o plan inclúe 30.000 € para melloras eléctricas no CEIP Sada e Contornos e a instalación dun aparcadoiro de bicicletas no propio centro.
Coa reserva de crédito para a avenida e o paquete complementario de obras, o Concello busca mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e o mantemento da infraestrutura municipal, acelerando a posta a punto dunha das arterias principais da vila e avanzando en confort e servizos para o conxunto da cidadanía.