Sada renova o Auditorio da Casa da Cultura cun investimento de preto de 30.000 euros

ACoruñaXa
As melloras inclúen a renovación do equipamento escénico, o cableado e motores de carga, e anuncian traballos no exterior para a primavera de 2025
Imaxe do Auditorio da Casa da Cultura de Sada
10 Jan 2025

O Concello de Sada está a acometer importantes melloras no Auditorio da Casa da Cultura, co obxectivo de adaptalo ás necesidades actuais e garantir un uso seguro e eficiente das súas instalacións. A través da Concellería de Cultura, investíronse un total de 28.430 euros en renovar parte do equipamento técnico e escénico da sala, que xa mostraba sinais de desgaste polo elevado uso ao que está sometido.

Entre as actuacións realizadas, destaca a renovación da iluminación escénica e a substitución do cableado e outros compoñentes electrónicos deteriorados polo paso do tempo. Ademais, instaláronse cinco novos motores de carga con dobre sistema de freo, asegurando o cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade estrutural.

Estas melloras no interior do edificio complementaranse na primavera de 2025 cunha intervención no exterior. Os traballos previstos inclúen a limpeza a presión de toda a fachada, o tapado de fendas, a reposición de morteiros danados e o pintado integral dos muros expostos á intemperie, dotando ao edificio dun aspecto renovado e garantindo a súa conservación a longo prazo.

O Concello de Sada reafirma así o seu compromiso coas instalacións culturais, priorizando a seguridade e a modernización de espazos clave para a vida cultural e social do municipio.

 

0.1721179485321