Sada renova a iniciativa 'Educando na Biosfera', que acumula 18.000 alumnos formados

ACoruñaXa
Ademais de Sada, nesta edición participan os concellos de Bergondo, Miño, Abegondo, Carral e Curtis
convenio-sada-educando-1
1 Mar 2025

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e o Concello de Sada renovaron a súa aposta pola educación ambiental coa sinatura do novo convenio de colaboración para desenvolver o programa 'Educando na Biosfera'. A iniciativa naceu en 2016 e xa acumula 18.000 nenos e mozos formados no conxunto do territorio.

O acto tivo lugar no Concello de Sada e contou coa presenza do presidente da Reserva de Biosfera, José Antonio Santiso; o alcalde do Concello de Sada, Benito Portela; e a concelleira de Educación e Deportes, Rebeca Mouriño.

No caso de Sada, os beneficiarios suman este curso 643 alumnos e comprenden todas as etapas educativas: infantil, primaria, secundaria e bacharelato. O programa impártese nos centros CEIP O Mosteirón, CEIP Pedro Barrié de la Maza, CEIP Sada e os seus Contornos, IES Isaac Díaz Pardo e IES O Mosteirón.

As actividades, un total de 26, estarán enmarcadas en seis grandes bloques temáticos: alimentación saudable e produto de proximidade; arte e patrimonio cultural; fomento da biodiversidade; igualdade e ciencias sociais; natureza e territorio; e cambio climático. As propostas son diversas, incluíndo visitas a explotacións agropecuarias, obradoiros de cómic, impresión 3D e observación do ceo nocturno.

Ademais de Sada, nesta edición de 'Educando na Biosfera' participan os concellos de Bergondo, Miño, Abegondo, Carral e Curtis. O coordinador técnico do programa, Ignacio García, que también estivo presente no acto, agradeceu “a implicación do Concello de Sada, que creu desde o principio no programa”, así como a colaboración dos centros educativos participantes. “A educación ambiental é un piar fundamental da Reserva de Biosfera. Transmitir ás xeracións mociñas os recursos locais é a base para garantir un futuro sustentable”, declarou.

 

⚙ Configurar cookies
0.11098003387451