Sada reclama á Xunta melloras urxentes no transporte metropolitano tras meses sen resposta

O Concello de Sada criticou este martes a falta de avances na mellora do servizo de transporte público metropolitano, tras unha nova reunión da Comisión de Seguimento convocada pola Xunta de Galicia. O alcalde, Benito Portela, participou no encontro e expresou “o seu fondo malestar” ao constatar que ningunha das propostas remitidas ao longo do último ano foi aceptada polo Goberno galego.
A situación arrinca dos cambios introducidos hai un ano na liña que atravesa as parroquias de Veigue e Carnoedo, que deixaron ás súas veciñas e veciños sen conexión digna coa cidade da Coruña. Segundo sinala o Concello, a normalidade non se recuperou e as modificacións aplicadas son insuficientes. O número de expedicións diarias pasou de 25 a 22, e seis requiren agora un transbordo que antes non existía.
Segundo indica o Goberno local, a Xunta solicitara en novembro ás administracións locais que remitiran por escrito propostas de mellora para corrixir deficiencias no sistema. Sada cumpriu e enviou un documento con medidas concretas que afectaban a todas as liñas que cruzan o termo municipal. “Estas mesmas demandas xa foran defendidas polo alcalde en anteriores reunións, tanto técnicas como políticas”, lembra o goberno local. Con todo, na reunión deste martes confirmouse que ningunha delas foi atendida.
A situación é especialmente preocupante nas conexións con A Coruña a través de Meirás e Osedo, as máis utilizadas pola veciñanza. Portela lamentou que, pese ás reiteradas peticións, estas liñas seguen cunha frecuencia escasa e tempos de percorrido pouco operativos. “Este desleixo non só prexudica a quen depende do transporte público para traballar, estudar ou acudir a consultas médicas, senón que pon en cuestión calquera discurso sobre mobilidade sustentable que se faga desde a administración autonómica”, afirmou.
Ademais, o alcalde denunciou que “ao tempo, a Xunta pretende que o Concello pague máis por un servizo que, obxectivamente, é peor”.
Ante esta situación, o Concello de Sada esixe á Xunta que “asuma as súas responsabilidades, que escoite aos concellos e á cidadanía, e que active de inmediato as melloras necesarias para garantir un servizo digno, eficiente e adaptado á realidade dunha vila en continuo crecemento poboacional”. De non producirse avances, advirten que tomarán “as decisións que consideren oportunas na defensa dos intereses da veciñanza e dos recursos públicos municipais”.