Sada recibe 2026 co Concerto de Aninovo do Coro Infantil e Xuvenil Cantabile

A Concellería de Cultura de Sada abre o ano cunha proposta musical pensada para todos os públicos. O domingo 4 de xaneiro de 2026, ás 19.00 horas, a Casa da Cultura Pintor Lloréns acollerá o Concerto de Aninovo a cargo do Coro Infantil e Xuvenil Cantabile, cun recital de entrada gratuíta.
Cantabile é unha agrupación coruñesa fundada en 2002 como proxecto musical e social, que reúne nenas, nenos e mozas e mozos desde os 8 anos ata arredor dos 30. O coro está dirixido polo seu fundador, o tenor e profesor de canto Pablo Carballido, e centra boa parte do seu traballo no repertorio clásico barroco, sen deixar de lado outras pezas de música sacra e profana.
O grupo conta con varios traballos gravados e, entre eles, destaca ‘Vinde ve-o Neno! Nadal con Cantabile’ (2013), unha recompilación de panxoliñas galegas. Nos últimos meses tamén participou na ópera ‘Carmen’ de Bizet dentro da temporada lírica da Coruña, sumando experiencia en producións escénicas de gran formato.