Sada quenta motores para o Entroido cun programa do 14 ao 17 de febreiro

Sada celebrará as festas do Entroido 2026 entre o 14 e o 17 de febreiro cun calendario que combina propostas para a cativada, gastronomía e os actos máis tradicionais destas datas. A programación inclúe unha festa infantil de disfraces, a XL Festa da Filloa, o desfile e concurso de disfraces e a posterior queima da sardiña.
O sábado 14, o Pavillón Municipal de Deportes acollerá a Festa Infantil de Disfraces, prevista de 17.00 a 20.00 horas. Ao día seguinte, domingo 15, no mesmo espazo celebrarase a XL Festa da Filloa tamén de 17.00 a 20.00 horas, cun prezo de 3 euros por ración (con dereito a catro filloas, bebida e acompañamento doce). A xornada completarase cun concerto da Tuna de Veteranos da Coruña ás 18.30 horas.
O martes 17 chegará unha das citas centrais do Entroido sadense: o Desfile e Concurso de Disfraces, con saída da Casa da Cultura ás 17.30 horas. O percorrido discorrerá pola Avenida da Mariña, rúa Venezuela, rúa Bergondo, rúa Pontedeume, rúa Oza dos Ríos, avenida da Coruña, rúa Cambre e rúa da Lagoa, para rematar no Pavillón Municipal de Deportes arredor das 19.00 horas.
Xa pola noite terá lugar a Queima da Sardiña na Praia das Delicias (xunto á desembocadura do río Maior). A comitiva fúnebre sairá dende o pavillón e rematará na praia, cun horario aproximado entre as 20.30 e as 21.00 horas. As bases reguladoras e o formulario de inscrición do concurso están dispoñibles a través da sede electrónica.