Sada quenta motores para o Entroido 2025 con festas, desfiles e tradicións

ACoruñaXa
O domingo 2 de marzo será a quenda da tradicional Festa da Filloa, onde se repartirán arredor de mil racións deste doce típico
entroido-sada-2025
24 Feb 2025

A localidade de Sada xa ten todo listo para celebrar o Entroido 2025 cun programa repleto de actividades pensadas para todas as idades. O sábado 1 de marzo arrancará a festa cunha celebración infantil de disfraces no Pavillón Municipal de Deportes, onde haberá inchables, música e obradoiros creativos para o goce dos máis pequenos e as súas familias.

O domingo 2 de marzo será a quenda da tradicional Festa da Filloa, tamén no Pavillón Municipal de Deportes. Durante o evento repartiranse arredor de mil racións deste doce típico, cun prezo de tres euros por ración, que incluirá catro filloas e unha bebida a escoller entre café, auga ou anís, ademais de acompañamentos como mel, azucre, nata ou chocolate. A partir das 18.30 horas, os asistentes poderán desfrutar dunha actuación musical a cargo da formación Amizades.

O martes 4 de marzo será unha xornada destacada coa celebración do Desfile-Concurso de Disfraces e Carrozas, que partirá ás 17.00 horas da Casa da Cultura Pintor Lloréns e rematará no Pavillón Municipal de Deportes, onde terá lugar a entrega de premios ás distintas categorías entre as 19-00 e as 20.15 horas. O broche final ás celebracións porao o tradicional Enterro da Sardina, que sairá ás 21.00 horas do Pavillón Municipal en dirección á Praia das Delicias, onde se despedirá este Entroido cunha queima simbólica acompañada de música de charanga e un espectáculo de fogos de artificio.

 

⚙ Configurar cookies
0.17224192619324