Sada publica a listaxe de nenos e nenas seleccionados para ir como figurantes na Cabalgata de Reis 2026

O Concello de Sada xa fixo pública a relación de rapazas e rapaces que participarán como figurantes nas carrozas da Cabalgata de Reis 2026. A listaxe, segundo indicou a Concellería de Cultura, está dispoñible tanto na OMIX como na páxina web municipal, unha vez rematado o proceso de inscrición e selección.
A convocatoria abrírase o 9 de decembro e mantívose activa ata as 23.59 horas do 21 de decembro. Nela podían anotarse nenos e nenas con 6 anos cumpridos antes do 1 de xaneiro de 2026, que irán acompañados por monitores e monitoras educativos para garantir a seguridade durante o percorrido.
O Concello lembra que, no proceso de selección, tiveron prioridade as solicitudes de persoas empadroadas en Sada, ao realizarse unha comprobación de oficio no padrón municipal. Ademais, o número de prazas dispoñibles determinouse en función de criterios de seguridade, atendendo ao deseño das carrozas desta edición.
As familias con menores seleccionados deberán ter en conta outro dos requisitos incluídos nas bases: a participación cun disfrace relacionado co Nadal, co obxectivo de achegar máis colorido e ambientación ás carrozas. Pola súa banda, as persoas que non obtiveron praza pasan a integrar unha lista de agarda e poderán ser avisadas no caso de que se produzan baixas.