Sada programa este domingo a obra 'Cartas da muller ausente' na Casa da Cultura

A concellería de Cultura de Sada presenta este domingo 16, ás 19.00 horas, a obra 'Cartas da muller ausente' na Casa da Cultura. A representación, con acceso de balde ata completar aforo, achega ao público unha proposta teatral centrada na saúde mental, a perda de identidade e o proceso de reconstrución emocional dunha muller tras unha ruptura.
A peza, escrita e dirixida por Lola Roel, conta co elenco formado por Paula Badrán, Loli Fernández Romero e Iago Rego Lage. Os intérpretes encárganse de dar corpo e voz aos distintos aspectos da protagonista e ás figuras que a acompañan no seu proceso terapéutico.
Segundo a sinopse, unha muller acode á consulta dun psiquiatra para abordar un trastorno de personalidade múltiple que desenvolveu despois do divorcio. O doutor recoméndalle escribir cartas como ferramenta para liberar a voz que permaneceu silenciada durante o matrimonio. A través desta escrita introspectiva, afloran emocións reprimidas, vivencias dolorosas e tamén o camiño cara á recuperación persoal.
A montaxe afonda en temas como a opresión no fogar, as identidades fragmentadas, o silencio imposto e a procura de autonomía emocional. Desde a área de Cultura de Sada convidan á veciñanza a asistir a esta proposta teatral que combina reflexión, intensidade dramática e unha interpretación centrada na experiencia das mulleres que foron silenciadas.