Sada procura a naturalización do río Maior e solicita a cesión de dous tramos de estradas

ACoruñaXa
A proposta do Goberno local contempla a cesión das estradas DP-0812 e DP-0813
Edificio do Concello de Sada
25 Feb 2025

O Goberno local proporá á corporación municipal, no pleno ordinario do mes de febreiro, a solicitude de cesión de dous tramos de estradas da Deputación da Coruña co obxectivo de facilitar a execución do proxecto de naturalización do río Maior. As vías afectadas son as estradas DP-0812 e DP-0813, ambas situadas no casco urbano de Sada e implicadas en distinto grao na iniciativa que pretende reducir o risco de inundacións no municipio. Este proxecto está sendo desenvolvido pola Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, en colaboración co Concello de Sada.

Segundo explicou o executivo local, a cesión destes tramos constitúe a fórmula administrativa máis adecuada para axilizar as autorizacións pendentes e avanzar na apertura do leito do río Maior. Como parte do acordo, a Deputación da Coruña comprométese a mellorar o estado e as condicións de ambas vías, tanto en termos de seguridade viaria como de integración urbana.

A proposta contempla a cesión da estrada DP-0812 en dúas fases. Na primeira, incluiríase a rúa Venezuela e parte da rúa da Lagoa ata a rotonda das Brañas. Neste treito, parte do río Maior discorre actualmente canalizado baixo o asfalto, polo que a actuación permitirá descubrir o seu curso natural. Nunha segunda fase, a cesión abarcaría o tramo comprendido entre a rotonda das Brañas e Agra de Samoedo.

En canto á estrada DP-0813, correspondente á rúa Xoán Vicente Viqueira, a cesión está motivada pola necesidade de reordenar o tráfico na contorna, especialmente nas rúas da Lagoa e Venezuela, para garantir a seguridade e a fluidez viaria durante e despois das obras.

"Seguimos dando pasos decisivos para facer realidade unha intervención que, ademais de mitigar as inundacións, permitirá recuperar un espazo natural no corazón do noso municipio", destacou o goberno local. A naturalización do río Maior sitúa a Sada á vangarda da recuperación de espazos urbanos grazas á colaboración institucional entre o Concello e a Xunta de Galicia.

 

⚙ Configurar cookies
0.17972207069397