Sada prepárase para unha noite de San Xoán 2025 con cacharelas, festa e seguridade

ACoruñaXa
Desde o Concello autorízanse as cacharelas tanto en espazos públicos como privados, sempre con comunicación previa
sada-san-xoan
16 Jun 2025

O Concello de Sada xa ten todo a punto para celebrar unha das noites máis emblemáticas do ano: San Xoán. A tradicional cita coa lumeirada, que combina rituais ancestrais con festa popular, contará con medidas específicas para garantir o bo desenvolvemento da xornada e a seguridade da veciñanza e visitantes.

Desde o Concello autorízanse as cacharelas tanto en espazos públicos como en propiedades privadas, sempre que se comunique previamente a súa realización. Esta notificación poderá facerse de forma telemática ou a través do Rexistro municipal.

Un dos puntos neurálxicos da celebración será a Praia das Delicias, onde se organizará unha gran festa aberta a partir das 19.00 horas do 23 de xuño. Nesa mesma hora comezará o reparto de madeira —ata 10 toneladas— que o Concello entregará de forma gratuíta na zona do Curruncho, exclusivamente para as fogueiras que se leven a cabo neste areal.

Para garantir a seguridade e unha boa xestión dos espazos, establécense horarios específicos: o material para as lumeiradas poderá depositarse nas praias das Delicias e Nova a partir das 19.00 horas do domingo 23, e todos os areais do municipio deberán quedar libres antes das 06.00 horas do día 24. Ademais, prohíbese o baño en todas as praias sadenses desde as 22.00 horas do 23 ata as 09.00 horas do día seguinte.

Como parte da celebración, o Concello tamén organiza unha sardiñada popular no Curruncho, a partir das 19.00 horas. Por 7 euros poderase desfrutar dunha ración composta por seis sardiñas, pan de broa, bebida e unha taza conmemorativa.

O Goberno local tamén acordou ampliar os horarios de peche da hostalaría entre os días 22 e 24 de xuño, permitindo aos establecementos manterse abertos dúas horas máis sobre o seu horario habitual. Para facilitar o acceso á festa, habilitaranse 8 prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida nas inmediacións da Praia das Delicias.

Deste xeito, Sada convértese nun destino destacado para celebrar a noite máis curta —e máxica— do ano, combinando tradición, lecer e organización.

⚙ Configurar cookies
0.16475582122803