Sada prepárase para recibir unha nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado

ACoruñaXa
O certame celebrarase do 11 ao 26 de abril no Auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns e incluirá unha nova edición dos Premios Lugrís Freire
SADA teatro aficionado
5 Apr 2026

Sada volverá converterse este abril nun escaparate para o teatro non profesional coa celebración da XIX Mostra de Teatro Afeccionado, unha cita xa consolidada no calendario cultural local e que reunirá durante tres fins de semana distintas propostas escénicas no Auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns.

O evento desenvolverase entre o 11 e o 26 de abril, en sábados e domingos consecutivos, cun programa que volverá poñer o foco no traballo das compañías afeccionadas. A mostra manterá ademais os Premios Lugrís Freire, cos que se recoñecerán os mellores espectáculos desta edición.

A programación incluirá catro obras seleccionadas, ás que se sumará un espectáculo para a gala final, prevista para o domingo 26 de abril. Esa xornada servirá tamén para facer entrega dos galardóns que acompañan o certame.

Cada compañía participante recibirá 800 euros, mentres que os Premios Lugrís Freire distinguirán o mellor espectáculo para o público e o mellor espectáculo para o xurado, con 500 euros en cada categoría.

Coa chegada desta décimo novena edición, Sada reforza unha cita cultural que rende homenaxe a Lugrís Freire, figura destacada do teatro social galego, e que volverá situar o municipio como punto de encontro para os afeccionados ás artes escénicas.

0.11858105659485