Sada prepárase para a XIV Feira Modernista con tres días cheos de cultura, música e espectáculos

ACoruñaXa
Unha cita cultural de referencia que combina tradición, diversión e identidade histórica
sada-feira-modernista
22 Jul 2025

O Concello de Sada, a través da Concellería de Cultura, presenta a XIV edición da Feira Modernista, que se celebrará do 1 ao 3 de agosto cun amplo programa de actividades para todos os públicos.

O venres 1 de agosto abrirase o mercado modernista ás 17.00 horas, seguido do espectáculo familiar “La Coquette” ás 18.00 horas nos xardíns da contorna da Terraza. Ás 19.00 horas haberá un concerto instrumental coa formación “Jazz-Tá” no bulevar da Avenida da Mariña e, ao mesmo tempo, no Auditorio da Casa da Cultura, unha conferencia sobre “O Modernismo na arte galega” impartida por Alberto Fuentes Valcárcel, con especial atención a Francisco Lloréns. Ás 20.30 horas comezará unha aula aberta de Lindy Hop e concerto de “Ghastas Pista Swing Project” no escenario principal, para rematar ás 22.30 horas co concerto de “Charo Quicler Jazz Band”.

O sábado 2, o Mercado Modernista estará aberto de 12.00 a 23.00 horas. Ás 12.00 horas comezarán dúas actividades simultáneas: a primeira ruta didáctica guiada pola arquitectura modernista do centro urbano de Sada, dirixida por Alberto Fuentes Valcárcel, con saída na praza do edificio La Terraza; e o espectáculo musical familiar “As aventuras de Jazzy e Blusy” nos xardíns da Terraza. Ás 13.00 horas, na Terraza, actuará a escola de baile Sadanza. Entre as 15.30 e as 21.00 horas terá lugar unha exhibición de pintura rápida arredor do edificio La Terraza.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, dará comezo a segunda ruta guiada pola arquitectura modernista en Fontán, cunha saída desde a Casa da Cultura. Á mesma hora, nos xardíns da Terraza, celebrarase o espectáculo familiar “Tavole”. Ás 19.00 horas haberá un pasarrúas de danza e cabaret con Nelson Quinteiro e o seu “Cabaret Acuático”, seguido ás 19.30 horas por un pasarrúas musicado con “Pizarracleta”. Ás 20.00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura, Teatro Artesán representará “La importancia de llamarse Ernesto” (entrada libre ata completar aforo).

Para pechar a xornada musical, ás 20.30 horas actuará “Manu Gómez New Orleans Band” nos xardíns do final da rúa Praia, ás 22.00 horas será o concerto de “Swing Titans” no escenario principal e ás 23.30 horas, tamén no escenario principal, “The Sar Swing Quintet”.

O domingo 3, o Mercado Modernista abrirase de 12.00 a 22.00 horas. Ás 12.30 horas actuará a escola de baile Carmen López no escenario principal. Ás 13.30 horas haberá sesión vermú con “Le Barluthier” nos xardíns da Terraza e ás 14.00 horas un picnic popular de organización libre.

Pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar o espectáculo familiar “Circo Cambuche” nos xardíns da Terraza. Ás 18.30 horas, na praia das Delicias, está previsto o bautismo aéreo en globo aerostático (vestimenta modernista prioritaria), actividade condicionada polas condicións meteorolóxicas e cunha duración aproximada de dúas horas.

Finalmente, ás 19.00 horas celebrarase un obradoiro de baile acompañado dunha sesión DJ con “Swing On School” na contorna da desembocadura do Río Maior, e ás 21.00 horas o concerto de peche coa “Gallaecia Big Band” no escenario principal detrás da Terraza.

A XIV Feira Modernista de Sada está organizada polo Concello e conta co apoio da Deputación da Coruña, consolidándose como unha cita cultural de referencia que combina tradición, diversión e identidade histórica.

 

⚙ Configurar cookies
0.18255281448364