Sada prepara o calendario municipal de 2026 coas novas familias como protagonistas

ACoruñaXa
O Concello invita ás persoas que se mudaron á vila dende outros lugares a cubrir un formulario na web municipal e a enviar unha fotografía de familia antes do 30 de novembro
SADA fotos calendario
24 Nov 2025

O Concello de Sada vén de poñer en marcha o proceso de elaboración do calendario municipal 'Sada 2026' cunha proposta centrada nas novas familias que se instalaron na vila nos últimos anos. A administración local lembra que o municipio superou xa os 17.000 habitantes e quere recoñecer, a través deste calendario, a todas aquelas persoas que escolleron Sada como lugar para vivir e planificar o seu proxecto de vida.

Nesta edición, o protagonismo recaerá precisamente nesas familias chegadas dende outros concellos, outras comunidades autónomas ou incluso outros países, que contribúen á diversidade e ao crecemento demográfico do municipio. O obxectivo é amosar, mes a mes, a Sada diversa e acolledora que se constrúe coa achega de toda a veciñanza.

Para formar parte do calendario, as persoas interesadas só teñen que ter chegado a vivir a Sada dende outro lugar e cubrir o formulario habilitado na páxina web municipal, achegando os seus datos de contacto e unha fotografía familiar. O prazo para enviar as solicitudes estará aberto ata o 30 de novembro ás 23.59 horas.

Desde o Concello anímase a participar e recórdase que esta iniciativa pretende ser un reflexo da realidade actual da vila: unha Sada aberta, plural e en constante crecemento, na que, tal e como sinala a campaña municipal, 'a Sada de 2026 facémola entre tod@s'.

⚙ Configurar cookies
0.072088956832886