Sada prepara as Festas do Carme co Mercado Mariñeiro para dinamizar a economía local

ACoruñaXa
O Mercado contará cun espazo para uns 30 postos de venda, aos que os comerciantes poderán acceder de forma gratuíta
mercado-sada
1 Jul 2025

O Concello de Sada ultima os preparativos para celebrar os días 19 e 20 de xullo unha nova edición das tradicionais Festas do Carme, un evento que se mantén como unha das citas máis emblemáticas do verán na vila. Un dos focos principais deste ano será o Mercado Mariñeiro, que se instalará no Paseo Marítimo, na zona portuaria, e que contará cun espazo para uns 30 postos de venda, aos que os comerciantes poderán acceder de forma gratuíta.

Desde a Concellería de Cultura informan de que xa está aberto o prazo para presentar solicitudes de participación, que se poden entregar telematicamente a través da sede electrónica do Concello (sede.sada.gal) ou, no caso das persoas físicas, tamén de maneira presencial no Rexistro Xeral. As bases e o modelo de solicitude están dispoñibles na web municipal, e o prazo remata o próximo 6 de xullo.

A organización pon en valor o impacto económico que teñen as celebracións populares na dinamización da economía local, resaltando que este tipo de iniciativas constitúen “unha oportunidade para reactivar a economía local” e supoñen un valor engadido para a comunidade.

A nova directiva da asociación empresarial ACESADA tamén anima a participar neste Mercado Mariñeiro: “Consideramos que é moi positivo que o tecido empresarial do pobo se involucre neste tipo de eventos”, sinalan.

Ademais, a Concellería de Cultura destaca o papel da artesanía como un compoñente fundamental, “pois presenta un carácter artístico, creativo e utilitario”. “Por medio desta proposta queremos destacar o valor cultural e artístico do oficio artesán e achegalo ao público da festa, apoiando o interese propio da actividade artesanal”, explican.

Con esta iniciativa, Sada busca combinar a tradición e a promoción do talento local coa reactivación económica e cultural nunha das citas máis esperadas do verán.

⚙ Configurar cookies
0.18204307556152