Sada pide á Xunta unha residencia pública de maiores nunha parcela dispoñible en Mondego

ACoruñaXa
O Concello conta cunha parcela dotacional pública situada en Mondego na que xa funciona un centro de día
sada-residencia
28 May 2025

O Goberno local de Sada levará ao pleno ordinario deste xoves unha moción para solicitar á Xunta de Galicia a construción dunha residencia pública de maiores no municipio. A iniciativa chega tras o anuncio do presidente autonómico, Alfonso Rueda, de crear 24 novas residencias en concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.

Na actualidade, Sada —con máis de 17.000 habitantes— non conta cunha residencia pública, malia que máis do 25 % da súa poboación supera os 65 anos. O executivo municipal considera que se trata dunha infraestrutura “imprescindible” para garantir unha atención próxima, digna e de calidade ás persoas maiores, facilitando que poidan permanecer no seu contorno vital e manter os vínculos familiares e sociais.

O Concello conta cunha parcela dotacional pública situada en Mondego, de máis de 12.800 metros cadrados, na que xa funciona un centro de día xestionado pola Xunta, ocupando menos de 800 m². Este espazo, segundo defende o Goberno local, ofrece condicións idóneas para acoller unha residencia, ao atoparse nunha contorna natural, tranquila e favorable para o benestar das persoas usuarias. Ademais, permitiría crear sinerxías co centro de día xa existente.

Desde o Goberno municipal tamén subliñan a importancia de que a residencia sexa de titularidade e xestión pública, como garantía de calidade, equidade e acceso universal ao servizo. A moción incluirá o compromiso do Concello de poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios e instará ao Goberno galego a incluír Sada no seu plan de execución das novas residencias públicas.

⚙ Configurar cookies
0.16088604927063