Sada lanza un obradoiro gratuíto de auto-coidado e benestar emocional para mulleres

O Concello de Sada, a través da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Emprego, pon en marcha un obradoiro gratuíto de auto-coidado e benestar emocional dirixido a mulleres empadroadas no municipio. A iniciativa busca reforzar a autoestima, fomentar o autocoidado e promover vínculos máis libres, equilibrados e saudables.
As sesións terán lugar todos os mércores, entre o 5 de novembro e o 17 de decembro de 2025, en horario de 10.00 a 12.00. Nun espazo grupal seguro e creativo, traballaranse ferramentas para xestionar as emocións propias, identificar límites persoais e mellorar as relacións interpersoais desde o respecto.
A actividade é de balde e conta con prazas limitadas ao aforo da aula. As inscricións poden realizarse a través do formulario en liña ou por WhatsApp no número 687 325 607. Recoméndase formalizar a reserva canto antes.