Sada lanza un Campamento Dixital de Nadal gratuito para nenos e nenas de 7 a 12 anos

O Concello de Sada vén de poñer en marcha un Campamento Dixital de Nadal dirixido a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, pensado para que a rapazada aprenda e se divirta arredor das novas tecnoloxías ao tempo que se facilita a conciliación das familias durante o período non lectivo. A actividade será totalmente gratuíta e desenvolverase en modalidade presencial.
O campamento terá lugar na aula CeMIT de Sada, situada na Praza da Peixaría, 5, nos días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro de 2025 e 2, 5 e 7 de xaneiro de 2026, en horario de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. O número de prazas está limitado a 15 participantes, que se cubrirán por orde de inscrición.
A proposta complétase con obradoiros prácticos e dinámicos deseñados para mergullar a rapazada no mundo dixital dun xeito seguro e responsable. Entre os contidos destacan as competencias dixitais básicas, a seguridade e o benestar tecnolóxico, así como o uso responsable da Rede e dos dispositivos. Baixo epígrafes como 'Ciber defensa: aprende a crear o teu escudo na Rede', 'Level Up: domina o xogo, domina a túa vida dixital' ou 'Tecnoloxía segura: goza dos teus dispositivos sen que che desconecten do mundo real', o Concello busca reforzar a autodisciplina, a prevención de riscos e o equilibrio entre vida on line e off line.
Desde o Goberno local subliñan que o principal obxectivo é promover o uso responsable das tecnoloxías, a seguridade dixital e o benestar da infancia, ofrecendo ao mesmo tempo un recurso de conciliación para as familias de Sada durante as vacacións de Nadal.