Sada lanza o Concurso de Escaparates de Nadal 2025 para premiar a creatividade do comercio local

A Concellería de Promoción Económica de Sada vén de abrir o prazo de inscrición para o Concurso de Escaparates de Nadal 2025, unha iniciativa coa que o Concello busca recoñecer o traballo dos establecementos locais á hora de coidar a súa imaxe nestas datas tan especiais.
O certame pretende destacar o esforzo que comerciantes e profesionais realizan para engalanar os seus negocios, contribuíndo así a mellorar o aspecto das rúas da vila e a crear un ambiente plenamente navideño. Ao mesmo tempo, o concurso persegue incentivar a creatividade na presentación dos produtos, impulsar a innovación e a calidade no sector comercial e favorecer a dinamización económica durante a campaña de Nadal.
As bases do Concurso de Escaparates de Nadal 2025, que inclúen o Anexo I coa folla de inscrición, especifican os requisitos de participación, os criterios que terá en conta o xurado e a relación de premios. As persoas interesadas en tomar parte deberán presentar a súa solicitude antes das 23.59 horas do 21 de decembro de 2025.
Desde o Concello fan un chamamento ao conxunto do tecido comercial para que se sume a esta proposta, co obxectivo de converter Sada nun referente de decoración de Nadal e ofrecer unha imaxe atractiva tanto á veciñanza como ás persoas que se acheguen á vila para realizar as súas compras.