Sada inaugura oficialmente o seu novo campo de fútbol en Carnoedo

ACoruñaXa
A reforma inclúe unha renovación integral do terreo de xogo, que dispón dun céspede artificial ideal para Fútbol 11 e Fútbol 8
sada-campo
7 Apr 2025

O novo campo de fútbol de A Grela, en Carnoedo, abriu as súas portas oficialmente coa disputa do partido entre o CF Carnoedo e a S.D. Cultural Maniños "B", marcando o inicio dunha nova etapa para as instalacións deportivas da localidade. Este proxecto, que conta cunha inversión de máis de 500.000 euros, foi levado a cabo polo Goberno local para mellorar a infraestrutura e satisfacer as necesidades dos clubs da zona.

A reforma do campo inclúe unha renovación integral do terreo de xogo, que agora dispón dun céspede artificial de última xeración, ideal para as prácticas de Fútbol 11 e Fútbol 8. Unha das melloras máis destacadas é a instalación dun novo sistema de rego, composto por seis aspersores emerxentes que se controlan a través dun programador, xunto cun depósito cilíndrico de 15.000 litros para garantir a irrigación adecuada durante todo o ano.

Ademais, a mellora das instalacións tamén inclúe un peche perimetral renovado, unha rede de saneamento e recollida de pluviais, así como a adaptación paisaxística do recinto. Para garantir a seguridade e a comodidade dos espectadores, tamén se instalou unha nova grada e realizouse un pintado completo do muro de formigón que rodea o campo.

A concelleira de Deportes, Rebeca Mouriño, destacou que esta actuación responde a unha das demandas históricas dos clubs da zona: “Dende o Goberno local traballamos para que Sada conte cunhas instalacións deportivas acordes ás necesidades dos seus clubs. Atender esta demanda era un compromiso no que traballamos e que agora estamos facendo realidade”.

 

⚙ Configurar cookies
0.13290810585022