Sada impulsa un curso de socorrismo para mozos e mozas de 18 a 30 anos

O Concello de Sada, a través da Concellería de Educación, Deportes e Xuventude, pon en marcha un curso de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais, unha formación orientada á mocidade e que será impartida pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA).
O curso está dirixido a persoas de 18 a 30 anos (incluídos), que conten como mínimo co título de Graduado en ESO ou equivalente e que superen unha proba práctica de acceso. A acción formativa terá unha duración total de 120 horas.
En canto ás prazas, establécese un mínimo de 7 e un máximo de 15 participantes, con preferencia para persoas empadroadas. O Concello resérvase, ademais, a posibilidade de non iniciar o curso se o 50 por cento das persoas solicitantes non están empadroadas en Sada. Se hai máis demanda ca prazas, a adxudicación terá en conta o resultado da proba de acceso.
As inscricións realizaranse do 16 de febreiro ao 6 de marzo. Máis información e acceso no formulario online.