Sada impulsa o deporte con 172.000 euros para melloras en instalacións e novos equipos

O goberno local proponlle ao pleno municipal destinar 172.000 euros a investimentos en instalacións e equipamentos deportivos dentro dunha modificación de crédito global de 600.000 euros. A medida busca responder ao incremento da demanda cidadá, apoiar aos clubes locais e ampliar a oferta de actividades para todas as idades.
Na piscina municipal están previstas actuacións clave como a renovación da bomba de depuración e do equipo de auga quente, imprescindibles para o correcto funcionamento da instalación. Ademais executarase a subvención xa concedida para instalar paneis fotovoltaicos, unha actuación que reducirá custos enerxéticos e reforzará o carácter sostíbel da instalación. O patio exterior da piscina, actualmente en reparación, converterase nun novo espazo deportivo ao aire libre con estruturas tipo crossfit, elementos de adestramento funcional e material complementario que permitirán abrir grupos reducidos e actividades contemporáneas.
A programación deportiva incrementarase: pilates duplicará grupos para atender a demanda, incorporaranse actividades como step e fitball, e adquirirase novo material de natación de cara ao inicio das clases o 1 de outubro, consolidando unha oferta acuática en crecemento. O levantamento de necesidades feito polos equipos municipais tamén inclúe novas canastras de minibásquet para os pavillóns, tras o notable aumento de practicamente catro equipos alevíns no baloncesto local.
O Concello destaca que o deporte en Sada vive un momento de expansión —cunha cifra aproximada do 10% da poboación federada— e que as carreiras benéficas como a da Auga e a Nocturna seguen a formar parte do calendario municipal, esixindo coordinación e apoio loxístico. A modificación de crédito pretende acelerar estas intervencións para comezar os traballos canto antes, unha vez resoltos os procedementos administrativos e formalizadas as adxudicacións.
Con esta iniciativa o goberno local refrenda o seu compromiso de investimentos en benestar e saúde pública, buscando tanto a modernización das infraestruturas como a diversificación da oferta deportiva para que toda a cidadanía atope espazos onde practicar actividade física de xeito seguro e accesible.