Sada impulsa o comercio local cunha campaña especial polo San Valentín 2026

O Concello de Sada, a través da Concellería de Promoción Económica e en colaboración coa ACESADA, porá en marcha unha nova edición da campaña de apoio ao comercio local con motivo do San Valentín 2026. A iniciativa desenvolverase entre o luns 9 e o sábado 14 de febreiro co obxectivo de fomentar as compras de proximidade e premiar a fidelidade da veciñanza.
Durante eses días, todas as persoas que realicen compras nos establecementos adheridos recibirán unha papeleta para participar nun sorteo de varios lotes. O sorteo celebrarase o 18 de febreiro, na terceira planta do edificio administrativo municipal, e os números premiados faranse públicos tanto na páxina web como nas redes sociais do Concello.
A campaña conta cun atractivo sistema de premios. O primeiro premio consistirá nun pack de escapada termal para dúas persoas acompañado dun ramo de flores. Ademais, sortearanse dous premios adicionais de flores e doces, achegados pola asociación de comerciantes.
Poderá participar calquera establecemento comercial con sede no municipio de Sada, sempre que se inscriba previamente. O prazo para presentar a solicitude estará aberto ata o 8 de febreiro e deberá realizarse a través do Rexistro Municipal, empregando o formulario habilitado para a campaña. O Concello facilitará aos comercios participantes talonarios de papeletas e material promocional para a súa correcta difusión.