Sada despediu o Entroido 2026 cun desfile cheo de retranca e coa 'Queima da Sardiña' en As Delicias

Sada puxo o punto e final ao Entroido 2026 este martes cunha tarde na que o humor e a creatividade volveron mandar nas rúas. Co tempo dando unha pequena tregua, o desfile e concurso de disfraces levou a festa dende a Casa da Cultura por un percorrido que atravesou a avenida da Mariña e as rúas Venezuela, Bergondo, Pontedeume, Oza dos Ríos, a avenida da Coruña, Cambre e a rúa da Lagoa, ata rematar no Pavillón Municipal de Deportes arredor das 19.00 horas.
Xa no pavillón, chegou a fase final do certame: a exhibición sobre escenario, na que se valoraron tanto os disfraces como a posta en escena. O concurso estrutúrase en tres modalidades: Mini, ata 4 compoñentes; Grupal, desde 5; e Carrozas. Este reparte premios en metálico que van dos 100 aos 1.000 euros segundo a categoría e a clasificación. En total, a convocatoria reserva ata 5.850 euros.
Coas distincións xa entregadas, a festa cambiou de ton, pero non de ambiente, para o remate máis tradicional: a 'Queima da Sardiña'. A chamada 'comitiva fúnebre' saíu dende o pavillón e camiñou cara á Praia das Delicias, xunto á desembocadura do río Maior, para o acto final, previsto entre as 20.30 e as 21.00 horas.