Sada dá o pistoletazo de saída ás Festas de Mosteirón cun dispositivo especial de seguridade e tráfico

As Festas de Mosteirón xa están en marcha, cheas de actividades, orquestras e gastronomía para todos os gustos. O Concello de Sada activou un dispositivo especial para garantir a seguridade e un correcto funcionamento do tráfico durante a celebración.
O operativo inclúe o reforzo da presenza policial, o corte de varias vías e a modificación do sentido único da calzada entre Castelo e Mondego, que estará habilitada só en dirección a Mondego. Dende o Concello aseguran que “todos os cortes e desvíos estarán correctamente sinalizados” para facilitar a circulación.
Unha das novidades deste ano é o cambio de ubicación do campo da festa, polo que recomendan ter en conta esta circunstancia e a localización dos aparcamentos disuasorios, que foron habilitados coa colaboración da veciñanza de Mosteirón e da Comisión de Festas.
Ademais, o servizo de transporte metropolitano reforzarase durante a noite do 11 ao 12 de xullo. ALSA confirmou que ofrecerá un autobús ás 4:00 horas desde Mosteirón con dirección a Sada, e outro ás 4:30 horas cara a Entrexardíns, podendo aumentar o número de viaxes se hai demanda.
Desde o Concello de Sada fan un chamamento á responsabilidade individual para que todas as persoas poidan desfrutar destas festas “con respecto ao contorno e mantendo en todo momento unha actitude cívica”.