Sada dá luz verde á expropiación para ampliar o CEIP Sada e Contornos

ACoruñaXa
O acordo, que supón un investimento de 265.000 euros, permitirá mellorar o espazo educativo e avanzar na accesibilidade e calidade do entorno urbano
Imaxe dunha das novas marquesiñas no Concello de Sada
4 Dec 2024

O martes o pleno extraordinario e urxente solicitado polos grupos da oposición aprobou por unanimidade a modificación de crédito necesaria para iniciar o expediente de expropiación dos terreos que permitirán a ampliación do CEIP Sada e Contornos. O goberno local destacou a importancia do consenso acadado, especialmente tras a negativa inicial dalgúns grupos o pasado xoves.

O acordo supón un paso fundamental para atender as demandas da comunidade educativa e mellorar a calidade do espazo público no municipio. Con esta modificación de crédito, que ascende a 265.000 euros, o Concello poderá iniciar os trámites para adquirir os terreos lindeiros ó CEIP Sada e Contornos, destinados tanto a usos educativos como á mellora dos accesos e servizos básicos.

Ademais, o proxecto abordará a corrección dun erro detectado nos planos urbanísticos, relacionado cunha franxa de terreo entre as futuras edificacións educativas e residenciais. Este problema impide actualmente o acceso axeitado desde a Avenida do Porto e a conexión de infraestruturas esenciais. A expropiación completarase coa redacción de proxectos para urbanizar a zona e converter a parcela nun soar apto para a ampliación escolar.

Máis alá da ampliación do centro educativo, o proxecto aposta por unha transformación integral do entorno. Prevese a creación de itinerarios peonís accesibles que conecten as avenidas do Porto e Sada e Contornos, substituíndo as actuais escaleiras traseiras por solucións inclusivas. Así mesmo, coa adquisición destes terreos, o Concello poderá dispoñer de espazo para construír vivenda pública.

O goberno local agradeceu o respaldo unánime dos grupos políticos, resaltando a necesidade de antepoñer o interese común ás posturas partidistas. “Seguiremos traballando con responsabilidade e perspectiva, sempre priorizando os intereses dos veciños e veciñas de Sada”, concluíron fontes municipais.

⚙ Configurar cookies
0.064902067184448