Sada converterá a Casa do Guardés de Mosteirón nun centro social

ACoruñaXa
O Concello inicia os trámites para rehabilitar o inmoble cedido pola Xunta e destinalo á veciñanza e á asociación ‘O Plátano’
Imaxe da Casa do Guardés, en Mosteirón
30 Nov 2024

O Concello de Sada anunciou que habilitará a coñecida Casa do Guardés, situada na parroquia de Mosteirón, como novo centro social para a veciñanza. Este inmoble, que forma parte do recinto educativo do CEIP e IES O Mosteirón, estaba sen uso, pero tras a cesión autorizada pola Consellería de Educación, o goberno local iniciará os trámites administrativos e urbanísticos para a súa rehabilitación.

A principal finalidade deste novo espazo será proporcionar un lugar físico á asociación de veciños ‘O Plátano’, un referente da comunidade local en Mosteirón. A asociación poderá organizar actividades e eventos que reforcen o tecido social, ademais de continuar impulsando iniciativas culturais e comunitarias, como as tradicionais festas da parroquia.

O inmoble presenta un estado de deterioración debido ao abandono dos últimos anos, polo que o Concello ten previsto adecuar as instalacións para garantir o seu uso. Nin o CEIP nin o IES O Mosteirón necesitan estas dependencias para o seu funcionamento, segundo confirmaron os Consellos Escolares, que aprobaron a cesión do inmoble para este novo propósito.

0.1619598865509