Sada contará con cinco novas vivendas públicas na avenida Xoán Vicente Viqueira

Sada sumará nova vivenda de promoción pública na avenida Xoán Vicente Viqueira. A Xunta de Galicia prevé reconverter en pisos varios baixos da súa propiedade situados na vila, unha actuación que, segundo trasladou o Concello, é froito das reunións mantidas nos últimos meses co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nas que participaron o alcalde, Benito Portela, e a voceira do PP, Esperanza Arias, coa intención de atopar unha saída social e útil para uns locais que permanecían baleiros desde a súa construción.
O proceso, explica o goberno local, activouse a partir das consultas e inquedanzas transmitidas por veciños e veciñas da zona, interesados na situación destes espazos. Tras ese contacto coa veciñanza, o Concello presentou á administración autonómica distintas alternativas: a posibilidade de que os baixos fosen adquiridos por particulares, a súa dedicación a outros servizos públicos ou a súa conversión en vivenda pública. Finalmente, esta última opción é a que comeza a concretarse.
En termos prácticos, o proxecto contempla habilitar cinco vivendas de promoción pública en locais actualmente tapiados no número 17 da avenida Xoán Vicente Viqueira, que levan anos sen actividade. Desde o Concello puntualizan, con todo, que non todos os baixos dispoñibles reúnen as condicións técnicas necesarias para seren convertidos en vivendas, debido ás características construtivas e ás esixencias da normativa vixente.
Paralelamente, o Concello mantén aberto o diálogo coa Xunta para estudar outros usos públicos para dous baixos que non cumpren cos requisitos técnicos para esta transformación, coa finalidade de recuperar eses espazos para o interese xeral e dar resposta a necesidades do municipio. Mentres, o executivo local valora como positiva a inclusión de Sada nas políticas autonómicas de promoción de vivenda pública nun contexto no que o acceso á vivenda continúa a ser unha das preocupacións sociais máis presentes tamén na localidade.