Sada celebrará do 7 ao 11 de agosto a VII edición do Torneo de Fútbol Praia

ACoruñaXa
Entre os premios a entregar destacan os suadoiros deseñados en exclusiva por Cero de Costa para o Concello de Sada
Imaxe dunha edición anterior do torneo de fútbol praia de Sada
2 Ago 2024

O Concello de Sada organiza xunto coa Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada a VII edición do Torneo de Fútbol Praia de Sada, que terá lugar entre o 7 e o 11 de agosto na Praia das Delicias. Este evento deportivo, xa consolidado no calendario estival da nosa vila, acada este ano un récord de participación con 43 equipos inscritos, repartidos en seis categorías: Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil.

Nesta edición contaremos con equipos procedentes non só do noso municipio, senón tamén doutras localidades, o que pon de manifesto a crecente popularidade deste torneo. Estimamos que preto de 300 xogadores formarán parte desta competición, o que subliña o éxito e a capacidade de convocatoria do evento. O feito mesmo de realizar este torneo na praia das Delicias en plena época estival supón un dos principais atractivos do mesmo, máis aló da propia celebración. Un espazo natural para goce de veciños e visitantes no que o deporte cobra especial protagonismo nestas datas.

O Torneo de Fútbol Praia Sada representa unha firme aposta da Concellería de Deportes que dirixe Rebeca Mouriño polo deporte de base, promovendo a actividade física e os valores deportivos entre os máis novos. Este evento non só é unha oportunidade para que os mozos e mozas gocen do deporte nun entorno privilexiado como é a nosa praia, senón que tamén fomenta a convivencia e o compañeirismo entre todos os participantes e as súas familias. Ademais, é unha competición que conta coa implicación do tecido económico sadense a través dos comercios e locais de hostalaría, que fan posible a través dos patrocinios que moitos rapaces e rapazas poidan participar nesta competición.

Por outra banda, o Concello de Sada ten preparadas unha serie de sorpresas e agasallos para aqueles equipos que resulten gañadores de cada categoría do torneo. Entre os premios que están preparados destacan uns suadoiros deseñados en exclusiva pola marca Cero de Costa para o Concello de Sada.

Desde o Concello de Sada animamos a todo o mundo a achegarse entre o 7 e 11 de agosto a gozar deste torneo, independentemente de que se participe ou non nel.

0.19918394088745