Sada celebra os investimentos da Xunta pero demanda máis fondos para proxectos prioritarios

ACoruñaXa
O goberno local destaca a importancia da ampliación da depuradora e a rehabilitación do CEIP Barrié de la Maza, pero pide máis investimentos en infraestruturas clave
Edificio do Concello de Sada
22 Out 2024

O Concello de Sada valorou este martes positivamente o borrador dos orzamentos presentado pola Xunta de Galicia, que prevé un investimento de máis de 5,1 millóns de euros no municipio ao longo de 2024. A cifra, considerada notable, responde a demandas históricas da veciñanza que, segundo o goberno local, poderían comezar a ser unha realidade se os investimentos se executan conforme ao previsto.

O maior investimento destinarase á ampliación da depuradora de Sada, unha obra clave non só para o saneamento do municipio, senón tamén para a mellora da ría de Ares-Betanzos. O Concello sinalou que este proxecto completa as melloras que xa se levan realizando a nivel municipal e que foron verificadas polos informes recorrentes da Xunta sobre a calidade das augas.

Outro dos puntos destacados é a rehabilitación integral do CEIP Barrié de la Maza, que conta con máis de medio milleiro de alumnos e alumnas. O Concello xa investiu 40.000 euros este verán en obras urxentes para mellorar o illamento da fachada e o tellado do comedor, en colaboración coa Consellería de Educación. Grazas a estes traballos, o goberno galego comprometeuse a acometer unha rehabilitación completa do centro escolar o próximo ano.

No referente á prevención de inundacións, o Concello de Sada considerou que a partida de 50.000 euros prevista para o río Maior é insuficiente e instou á Xunta a incrementar esta contía para acometer as obras necesarias nun proxecto que cualifican de “urxente e complexo”. O goberno local espera que Augas de Galicia avance nos estudos técnicos para que o proxecto poida presentarse á cidadanía e executarse canto antes.

Por outra banda, a Xunta anunciou unha inversión de 2,8 millóns de euros para a compra de solares destinados á construción de vivenda pública en Sada. Desde o Concello, indican que xa mantiveron conversas co Instituto Galego de Vivenda e Solo para explorar a posibilidade de mobilizar propiedades da Xunta con este fin. O goberno local subliñou a necesidade de aumentar a vivenda pública, un problema que tamén afecta ás vilas da área metropolitana.

Ademais, o Concello agarda que partidas xenéricas dos orzamentos destinadas á mellora da mobilidade peonil poidan aplicarse no municipio, logo de reiteradas solicitudes realizadas en anos anteriores.

0.19070506095886