Sada celebra o talento e os éxitos da súa canteira deportiva en diversas disciplinas

ACoruñaXa
O Taekwondo Sada asinou unha brillante actuación no Open Internacional de España
deporte-sada
3 Jun 2025

O Concello de Sada vive con orgullo un novo capítulo na súa historia deportiva grazas aos resultados acadados polos seus clubs en diferentes competicións recentes. A comunidade deportiva local vén de demostrar unha vez máis o talento, o esforzo e a paixón que definen o traballo de base nos distintos ámbitos atléticos da vila.

Un dos logros máis destacados veu da man do Taekwondo Sada, que asinou unha brillante actuación no Open Internacional de España celebrado en Valladolid. A representación sadense colleitou numerosos podios en distintas categorías tanto en técnica como en freestyle, incluíndo primeiras posicións en parellas, tríos e quintetos, tanto xuvenís como adultos, amosando un nivel excepcional nun evento de referencia a nivel nacional.

O Sada CF tamén deu unha alegría á afección co seu partido da final do play-off de Primeira Autonómica, onde conseguiu unha importante vitoria por 2-0 ante o Cire Melide no encontro de ida. A ilusión por un posible ascenso está máis viva ca nunca.

No ámbito da ximnasia e o atletismo, os éxitos multiplicáronse. O Club Ximnasia Sada brillou no Campionato Galego Base e na Final Escolar en Ponferrada, mentres que o Club Atletismo Sada logrou resultados destacados en varias competicións disputadas pola xeografía galega, incluíndo medallas nas probas de 10K de Carballo, nas combinadas sub16 e sub20, e no Campionato Galego Sub18. Nomes como Natalia Rivas, Candela Vázquez ou Lidya Valdés deixaron a súa pegada cunha combinación de marcas persoais, récords do club e mínimas para o Campionato de España.

O Club Baloncesto Golfiños Sada sumouse á festa deportiva situándose entre os catro mellores equipos de Galicia, mentres que o Club Patinaxe Artística de Sada encantou co seu espectáculo de fin de curso no pavillón do Albergue da Marina, nunha gala que mesturou arte e deporte sobre rodas.

Desde o Concello de Sada, a alcaldía quere transmitir o seu recoñecemento a todas as persoas que fan posible esta realidade, destacando o papel imprescindible dos clubs, deportistas, familias e adestradores. Esta fin de semana deixa patente que o futuro do deporte sadense está garantido e cheo de promesas.

⚙ Configurar cookies
0.15505290031433