Sada celebra o décimo aniversario do Trail Costa Doce cunha edición marcada pola meteoroloxía

Sada viviu esta fin de semana unha edición moi especial do Trail Costa Doce, que cumpriu dez anos consolidado como unha das citas deportivas de referencia no municipio. A proba celebrada na mañá do domingo desenvolveuse con normalidade e sen incidencias, despois de que a organización decidise suspender a carreira nocturna prevista para o sábado por mor das condicións meteorolóxicas adversas.
Segundo os datos manexados pola organización, esta décima edición contou con 560 persoas inscritas no conxunto de modalidades do evento, impulsado polo Concello de Sada xunto co Club de Atletismo Sada (CAS).
Ao remate da carreira dominical, as e os participantes tiveron un avituallamento final con callos, froita e bebida. Pola súa banda, o avituallamento que estaba previsto para a xornada do sábado foi doado ás entidades Padre Rubinos e CASCO.
O alcalde, Benito Portela, que tamén tomou parte na carreira, lembrou que o Trail Costa Doce foi unha das primeiras probas deportivas promovidas coa chegada do actual goberno municipal e quixo dedicar esta edición ás persoas pioneiras do evento e ao Club de Atletismo Sada, polo seu papel clave na organización ao longo destes anos.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Rebeca Mouriño, puxo o foco na alta participación desta convocatoria e agradeceu especialmente o traballo do persoal de emerxencias e seguridade, que permitiu desenvolver a proba sen incidentes.