Sada celebra este sábado ‘A lembranza do noso’, un espectáculo sobre a tradición galega

A concellería de Cultura de Sada programa para este sábado 15 de novembro, ás 19.00 horas, o espectáculo ‘A lembranza do noso’, unha proposta escénica e musical organizada pola Asociación A Lembranza de Sada que convida a revivir as tradicións galegas nunha xornada de romaría popular. A cita terá lugar no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns e contará con entrada libre ata completar aforo.
O evento presenta unha viaxe pola cultura popular de Galicia, con música, baile e escenas costumistas que poñen en valor o patrimonio inmaterial e a identidade colectiva. A actividade está pensada como un espazo participativo no que o público poida sentirse parte da celebración, gozando dunha recreación chea de ambiente e simbolismo.
‘A lembranza do noso’ conta coa colaboración do Concello de Sada e da Deputación da Coruña, e forma parte da programación cultural de outono do municipio, centrada en promover iniciativas que manteñan vivas as expresións artísticas e festivas galegas.