Sada celebra a IX Carreira solidaria Nocturna 'Ninguén sen Nadal' o 20 de decembro


O vindeiro venres 20 de decembro de 2024 terá lugar a IX edición da Carreira Nocturna de Sada “Ninguén sen Nadal”, un evento solidario organizado polo Concello de Sada e o Club Atletismo Sada. A proba, que se desenvolverá polas rúas da vila, destinará o importe íntegro das inscricións a Cruz Vermella e Cáritas de Sada, co obxectivo de apoiar ás persoas máis desfavorecidas durante o Nadal.
A competición comezará ás 19:00 horas nas Brañas e contará con diferentes categorías, dende chupetes con distancias curtas, ata a carreira absoluta de 5 quilómetros, que inclúe participantes de handbike. Haberá medallas para os tres primeiros clasificados de cada categoría, ademais dunha medalla conmemorativa para todos os participantes.
As inscricións teñen un custo de 6 euros para adultos na carreira de 5 km, 4 euros para a carreira inclusiva e 3 euros para as categorías infantís. Os participantes poderán realizar doazóns adicionais para apoiar a campaña “Ninguén sen Nadal”.
Con esta iniciativa, Sada busca combinar deporte e solidariedade, garantindo un Nadal máis xusto e solidario para todos.
