Sada celebra a Cabalgata de Reis cun percorrido polo centro e recepción final na Casa da Cultura

O Concello de Sada celebra esta tarde a Cabalgata de Reis 2026, coa saída das carrozas desde a Lonxa do Porto ás 18.00 h e unha recepción das Súas Maxestades na Casa da Cultura ao finalizar o percorrido.
A comitiva seguirá o seguinte itinerario: Avenida do Porto, Avenida da Mariña, rúa Venezuela, rúa Bergondo, rúa Pontedeume, rúa Oza dos Ríos, praza da Igrexa Nova, avenida Barrié de la Maza, rúa Linares Rivas, de novo rúa Venezuela e Avenida da Mariña, para rematar coa chegada á Casa da Cultura sobre as 19.30 h.
O Concello lembra tamén cuestións organizativas para garantir o bo desenvolvemento do desfile. As persoas figurantes con praza deben presentarse ás 17.30 h na lonxa cun disfrace relacionado co Nadal. Ademais, en función das condicións meteorolóxicas, recoméndase que a cativada vaia preparada con roupa de abrigo ou chuvasqueiro. No caso de chuvia, o percorrido non está previsto que se suspenda e será decisión das familias optar por levar os nenos e nenas nas carrozas ou non.
Unha vez finalizado o desfile, o Concello indica que a recollida da cativada se realizará no exterior da Casa da Cultura, onde os nenos e nenas permanecerán agardando na carroza correspondente.