Sada avanza na planificación urbana coa aprobación inicial do PERI da rúa da Lagoa

ACoruñaXa
Aproba inicialmente o plan urbanístico que permitirá obter unha parcela na que construír o novo centro de saúde
peri-centro-saude
17 Feb 2025

A Xunta de Goberno Local do Concello de Sada deu un paso clave na planificación urbanística da vila coa aprobación inicial do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da rúa da Lagoa. Este proxecto busca completar a estrutura urbana polo suroeste, garantindo unha ordenación equilibrada e adaptada ao entorno, que permita compatibilizar os usos actuais cos futuros. Un dos principais fitos desta planificación será a creación dunha parcela de máis de 2.600 m² destinada a equipamento sanitario, que o Concello cederá á Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde de Sada.

O plan prevé a edificación de vivenda plurifamiliar en bloque aberto cunha altura máxima de catro plantas (Baixo + 3), destinando o 30 % do aproveitamento residencial a vivenda protexida. Tamén inclúe a consolidación de espazos libres e zonas verdes, cunha superficie superior aos 1.300 m², creando novas áreas de lecer que favorecerán a conexión entre as distintas dotacións da zona. Ademais, a urbanización dos espazos públicos apostará pola súa naturalización, promovendo unha maior integración paisaxística.

A nova ordenación suporá unha mellora significativa na accesibilidade tanto ás infraestruturas existentes, como o campo de fútbol Andrés Pena, o IES e o tanatorio, como ás futuras instalacións, entre elas o novo centro de saúde e as zonas de esparexemento. O plan contempla a prolongación da rúa do campo de fútbol, que actualmente funciona como aparcadoiro, ata a estrada DP-0812 (rúa da Lagoa). Ademais, a urbanización deste espazo permitirá a creación de máis de 40 novas prazas públicas de estacionamento.

Con esta iniciativa, o Concello de Sada reafirma o seu compromiso cunha planificación urbana racional e sostible, orientada a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Tras esta aprobación inicial, o PERI da rúa da Lagoa someterase a exposición pública para facilitar a participación cidadá no proceso.

0.1727888584137