Sada activa as subvencións para entidades culturais sen ánimo de lucro para organizar actividades en 2025

ACoruñaXa
As axudas, en réxime de concorrencia competitiva, contan cun orzamento de 20.000 euros e un prazo de solicitude de 15 días naturais, entre o 26 de novembro e o 10 de decembro
SADA subveciones culturales
26 Nov 2025

O Concello de Sada vén de poñer en marcha unha nova liña de subvencións municipais dirixida a entidades culturais sen ánimo de lucro do municipio para a organización de actividades culturais durante o exercicio 2025. As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e réxense polos principios de obxectividade, igualdade de concorrencia e publicidade.

O obxectivo desta convocatoria é colaborar na consolidación e impulso da actividade das asociacións culturais sadenses, facilitando que o tecido asociativo poida desenvolver os seus fins estatutarios e fomentar iniciativas no eido da cultura ao longo de todo o termo municipal. Trátase de apoiar accións de difusión, creación artística, recuperación de tradicións, programación de eventos abertos ao público ou proxectos de divulgación cultural.

As bases, aprobadas pola Xunta de Goberno Local o 6 de novembro, establecen un orzamento total de 20.000 euros, cun máximo de 5.000 euros por entidade e ata o 80% do custo total de cada proxecto. As actividades deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

Poderán solicitar estas axudas as entidades culturais sen ánimo de lucro inscritas no rexistro municipal, con actividade en Sada e con fins directamente ligados á cultura, sempre que estean ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non teñan xustificacións pendentes doutras subvencións municipais.

Os gastos subvencionables inclúen servizos, persoal, subministracións, alugueiros, seguros e outros custos directamente vinculados á organización das actividades culturais. Quedan excluídos os bens inventariables, os gastos financeiros, o IVE non subvencionable, produtos prexudiciais para a saúde ou gastos de limpeza de locais municipais.

As solicitudes deberán presentarse unicamente por vía electrónica a través da sede municipal, no prazo de 15 días naturais contado desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP, isto é, entre o 26 de novembro e o 10 de decembro.

A Comisión de Valoración terá en conta criterios como o volume e duración das actividades, a participación cidadá, a difusión e uso da lingua galega, a colaboración entre entidades ou o impacto das propostas. A concesión das axudas realizarase en función da puntuación acadada e do orzamento solicitado. A xustificación das subvencións deberá presentarse entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2026.

⚙ Configurar cookies
0.085142850875854