Sada acollerá unha charla sobre biodiversidade mariña e embarcacións tradicionais

O domingo 8 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Océanos, a localidade de Sada será escenario dunha actividade que convida a mergullarse —literal e metaforicamente— na riqueza mariña do Golfo Ártabro. A delegación coruñesa da organización ecoloxista ADEGA e a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros organizan a charla 'Madeira, sal e biodiversidade: o Golfo Ártabro desde unha embarcación tradicional', que terá lugar ás 19.00 horas no bar El Canalla (Avenida do Porto, 30).
A proposta nace co obxectivo de reivindicar o valor das embarcacións tradicionais como ferramentas vivas para a observación e conservación da biodiversidade mariña. Grazas á súa navegación sen ruído e á súa integración natural co medio, estes barcos permiten unha aproximación respectuosa aos ecosistemas costeiros e ofrecen unha perspectiva única da vida mariña que poboan as nosas rías.
A sesión estará conducida por Xandro García, biólogo mariño e membro de ADEGA, quen explicará como estas embarcacións, ademais de ser parte do noso patrimonio cultural, poden converterse nun recurso clave para fomentar o coñecemento e a protección do medio mariño.
Desde as entidades organizadoras salientan que “sen présa nin impacto, estas embarcacións permiten descubrir máis biodiversidade da que moitas veces se imaxina”. A entrada é libre e gratuíta, e está pensada para todos os públicos interesados no medio ambiente, a cultura mariñeira e o patrimonio natural.