Sada acollerá en abril un curso básico gratuíto de Protección Civil

ACoruñaXa
A Agasp oferta 25 prazas gratuítas nunha edición presencial de 32 horas que se desenvolverá do 10 ao 19 de abril
proteccion-civil-xenerica
20 Feb 2026

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) impartirá en Sada unha nova edición presencial do curso básico de protección civil, unha formación de carácter gratuíto pensada para dotar ao voluntariado dos coñecementos imprescindibles para o exercicio das funcións propias do servizo. O curso, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), contará con 32 horas lectivas e 25 prazas, e impartirase os días 10, 11, 12, 17, 18 e 19 de abril de 2026.

A convocatoria establece que o curso inclúe contidos teóricos e prácticos, cun reparto de 22 horas de teoría e 10 horas de práctica. A Xunta enmarca esta acción formativa dentro do programa anual da Agasp e lembra que o curso básico é o itinerario necesario para incorporarse ás agrupacións de voluntariado de protección civil.

Prazo e requisitos

O prazo de inscrición para as actividades que comezan antes do 30 de xuño está aberto ata o 2 de marzo, contado desde o día seguinte á publicación no DOG. A solicitude debe tramitarse exclusivamente mediante matrícula telemática na web da Agasp.

Entre os requisitos, a resolución indica que as persoas solicitantes deben figurar inscritas como candidatas a voluntarias na correspondente AVPC do Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia e presentar unha declaración de aptitudes físicas e psíquicas compatibles coa formación e co desempeño das funcións.

A propia convocatoria fixa criterios de selección que dan preferencia, entre outros aspectos, á residencia. No caso dos cursos presenciais, resérvase un 40 por cento das prazas para persoas residentes no concello onde se realiza a actividade e priorízase tamén a residencia na provincia.

⚙ Configurar cookies
0.085717916488647