Sada acollerá a Feira do Comercio a primeira fin de semana de agosto
A Concellería de Promoción Económica de Sada organiza os días 3 e 4 de agosto a tradicional Feira do Comercio que, este ano, instalarase no Paseo tralo edificio modernista La Terraza. Na zona colocaranse ata un máximo de 25 postos destinados ao comercio polo miúdo, con venta de mercadorías por parte de comercios de Sada.
Esta iniciativa vai dirixida ao conxunto do sector do comercio do municipio, independentemente do seu ámbito de venta, para cumprir co obxecto e finalidade da proposta. Poderá solicitar un dos 25 postos dispoñibles calquera establecemento comercial con sede social en Sada.
O prazo de solicitude iniciase hoxe e rematará o 1 de agosto de 2024.
Os comercios interesados deberán presentar o ANEXO I, coa documentación que se sinala tanto de forma presencial como telemática. No caso das persoas físicas, poderán optar por presentar as inscricións tamén de xeito telemático (sede.sada.gal) ou ben, se o prefiren, de xeito presencial na oficina do Rexistro Municipal (horario de 9:00 a 14:00h)
As persoas xurídicas (empresas, entidades…), a presentación da inscrición deberá ser telemática a través do Rexistro Electrónico Municipal (sede.sada.gal).